DESCOBRE CERDEDO
CERDEDO COMARCA E CONSORCIO PARROQUIAS
No interior da provincia de Pontevedra, a 31 km da capital, aséntase o Concello de Cerdedo. Os 50 km que o separan de Santiago de Compostela e os 65 km de Ourense fan do lugar, un nexo de unión entre as cidades monumentais de Galicia e as mellores praias das Rías Baixas.
Cunha extensión preto de 80 km2, distribuídos ó longo de oito parroquias, é o lugar axeitado para descubrires o patrimonio cultural e histórico dunha antiga terra de canteiros. Un legado arquitectónico e artístico digno de admiración en calquera recuncho, onde o románico é o protagonista.
Mostra da pegada romana é o Conxunto de San Antón en Cerdedo, a Ponte de Pedre e a Igrexa Parroquial de Santa Mariña en Tomonde. A impoñente beleza da Igrexa Parroquial de San Xoán Bautista en Cerdedo e da Igrexa Parroquial de San Tomé en Quireza xunto o seu Viacrucis non resulta indiferente. Mentres a máxima expresión de arquitectura popular galega áchase no Eirado da Pena en Cerdedo, no Eirado da Ermida en Filgueira e na Eira Grande en Pedre.
O río Lérez e os seus tributarios Castro, Quireza e Seixo, bañan as terras onde se conxuga a máis nítida relación montaña – val, sendo responsábeis da riqueza paisaxística das súas concas. Frondosa vexetación de ribeira, xunto a vellos muíños de pedra, acompaña ó home no seu andar libre de reloxos.
O visitante gozará da natura no seu máximo esplendor e dunha herdanza arquitectónica incomparábel, grazas ós 52 lugares que conxugan o municipio.
O Concello de Cerdedo, máis os de A Estrada e Forcarei, compoñen a comarca "Tabeirós - Terra de Montes". Unha área de transición cara ó interior a cabalo entre as terras do litoral pontevedrés e a comarca do Deza. Formada por dúas unidades históricas: ó norte, Tabeirós corresponde ó municipio da Estrada e ó sur, Terra de Montes corresponde ós municipios de Cerdedo e Forcarei.
Dende o 2012, o Concello de Cerdedo máis os de Campo Lameiro e Cotobade, integran o consorcio local “Conca do Lérez”. Vertebrados polo río Lérez, os tres concellos unen esforzos para crear, instalar ou xestionar servizos e actividades de interese local e común.
1.860 veciños/as son os que manteñen vivo o entorno e dormen a cotiá nalgunha das oito freguesías. A excepción do núcleo urbano de Cerdedo, onde se agrupan os equipamentos e as actividades propias dunha cabeceira municipal, o resto dos asentamentos son rurais.
Os lugares que pertencen á parroquia de Santa Baia de Castro son: Bugarín, Castro do Cabo, Castro do Medio e Filgueira.
O Coto de Castrodiz da nome á freguesía. Castro romano a 631 m de altura no que erixiuse un forte medieval. Xosé Roxelio Otero Espasandín poeta e fillo da parroquia, dedícalle un poema “Castrodiz, castro amigo en Terras de Cerdedo. Nacín a túa veira, soñei coas túas lendas sendo neno”.
A Eira da Ermida no lugar de Filgueira é digna mostra de arquitectura popular galega. O eirado, composto de 21 canastros, acompaña á Capela de Nosa Señora dos Remedios s. XVIII e ó cruceiro. A fermosa panorámica da parroquia de San Tomé de Quireza e as serras do arredor é o notorio do lugar.
Os lugares de Castro do Cabo e Castro do Medio, asentados nunha ladeira de moderada pendente, constitúen Áreas De Interese Paisaxístico. Os soldados de Napoleón, no 1809, incendiaron a Igrexa Parroquial de Santa Baia de Castro s. XVIII a medio camiño entre os dous lugares. No exterior destaca a fachada e a espadana. Un canastro e un cruceiro dan a benvida, mentres que o cemiterio e a reitoral acompañan ó templo.
Serenidade desprende a Capela de Santa Teresa s. XIX, no lugar de Bugarín. Abeirada polo núcleo antigo e unha carballeira, álzase nun elevado presidido polo cruceiro.
Os lugares que pertencen á parroquia de San Xoán de Cerdedo son: Abelaíndo, Arén, San Bernabé, Barro, Biduído, Cabenca, Carballás, Cavadosa, Cerdedo, Cernados, Chamadoira, O Coteliño, Limeres, Lourido, Meilide e Revolta.
Illada do casco e nun alto abeirada de prados a Eira da Pena con 9 canastros, no lugar de Cerdedo, supón unha referencia na paisaxe. É salientábel o conxunto arquitectónico composto do cemiterio, o cruceiro, a Igrexa Parroquial de San Xoán Bautista de Cerdedo s. XVIII, a Praza de Don Fernando García Leiro e a Reitoral s. XVIII. De estilo neoclásico e fachada barroca a Igrexa Parroquial garda no seu interior imaxes realistas do Divino Ecce Homo, da Virxe das Dores e de San Xoán Bautista. Don Fernando García Leiro obreiro, sacerdote e mestre; fillo da parroquia, e nomeado párroco no 1921 da Igrexa Parroquial de Cerdedo. Unha calzada medieval encamíñanos ó Conxunto Romano de San Antón con capela s. XVI, cruceiro e ponte s. XIII. A capela é de sobria fachada e pequena espadana con advocación a San Antón Abade. A ponte álzase sobre o río Castro e servía a antigos camiños ate Santiago de Compostela.
Arroupada de carballos, a Capela de San Miguel s. XVIII no lugar de Arén, agarda os seus devotos nun alto. O arcanxo San Miguel sobre pedestal no muro lateral dá a benvida. Frondosa vexetación de ribeira e vellos muíños de pedra, acompañan ó río Castro o seu paso polo lugar de Arén, baixo a Ponte de Arén e o lugar de Barro.
Oculta entre vivendas, no lugar de Cabenca, a Capela da Concepción ou de San Salvador s. XVI posúe campá de prata. A lenda popular segundo Rosalía de Castro foi concibida nalgunha das súas casas perdura entre carballos centenarios.
A Capela da Virxe de Loreto s. XVIII, integrouse nunha zona elevada xunto ó cruceiro, no núcleo do lugar de Meilide. O Pazo de Raposeiras finais do s. XVI - comezos do s. XVII, casa familiar de Frei Martín Sarmiento, agóchase entre prados na parte baixa da aldea.
Fermosas fervenzas abeiradas de carballos no lugar de Cavadosa, nas saias do Monte do Seixo, xunto ós muíños e á Ponte do Rego do Porto. Un conxunto de interese paisaxístico digno de admirar.
A Capela de Nosa Señora do Perpetuo Socorro, no lugar de Abelaíndo; a Capela da Purísima Concepción, no núcleo do lugar de Carballás; a Capela de San Bartolomé, no lugar de Chamadoira; a Capela de San Bernabé, no lugar de San Bernabé; e a Capela de Santa Catalina, no lugar de Lourido; completan o patrimonio relixioso da freguesía.
Os lugares que pertencen á parroquia de San Martiño de Figueroa son: Deán, Figueroa, Loureiro, San Martiño e Vilar.
"Ficariola" topónimo en referencia á "figueira, árbol que dá o figo", é moi común na zona. A Capela de Santa Lucía, no lugar de Loureiro, e o seu cruceiro, alzanse nun espazo illado anegado de vexetación. Punto concéntrico dos cinco lugares que constitúen a feligresía. A imaxen da Piedad, sobre a porta de madeira, preside a entrada ó templo.
A Igrexa Parroquial de San Martiño de Figueroa, no lugar de San Martiño, repousa nun espazo verde xunto ó cemiterio, o cruceiro, un canastro con fonte, o pombal e a Reitoral s. XVIII. En 1808 a igrexa románica substituíuse polo templo actual. O recinto do adro posúe tres cruces talladas.
Dous petos de ánimas, un no lugar de Deán na Honra da Virxe do Rosario e o San Antón; e outro no lugar de Vilar na Honra da Virxe das Dores; son o destacábel no seus núcleos á beira dun camiño.
Os lugares que pertencen á parroquia de Santa María de Folgoso son: Cachofés, O Casal, Covas, A Esbarrela, Outeiro, Quinta e Vilariño.
“Filicosus, lugar poboado de fentos” é a orixe do topónimo Folgoso.
Cemiterio, cruceiro e Igrexa Parroquial de Santa María de Folgoso s. XVII, no lugar de Covas. Nun lugar afastado e cercado de prados, conta con campo da feira e palco da música. A igrexa alzouse sobre un primitivo templo románico. O cruceiro, con Cristo crucificado e coroa de espiñas no anverso e Virxe pregando con coroa no reverso. É salientábel no lugar, o bo estado de conservación dun muíño no núcleo.
Os lugares que pertencen á parroquia de San Pedro de Parada son: Framil, Insua, Mouteira e Parada.
Parada deriva do latín “Mansio Parata”. Topónimo empregado nos camiños galegos no lugar onde cobrábase a “parata - tributo”.
A freguesía, círculo de catro grupos de casas concéntricas, é terra de tecedeiras, as mulleres que tecen o liño. O castro no que érguese a Capela da Nosa Señora do Pego e o cruceiro, no lugar de Insua, é mostra do sobranceiro patrimonio arqueolóxico e paisaxístico grazas á abundancia de carballos e castiñeiros. Entre ameneiros, abeleiras e amendoeiras, álzase sobre o río Lérez, a Ponte Nova do Pego. A Ponte vella do Pego, feita de pedra e madeira, salvaba o Pozo Negro e os seus tesouros.
A Igrexa Parroquial de San Pedro de Parada s. XVIII, no lugar de Mouteira, e o cruceiro; atópanse nun contorno illado salpicado de árbores e prados.
A Ponte Parada, no lugar de Parada, foi camiño de peregrinación xacobea e ruta do viño dende o Ribeiro e Castela a Santiago de Compostela. Sobre o río Lérez, é de orixe romana e reconstruíuse no século XIII. Dous muíños unidos por un pasa pedras nun tramo ancho e de pouca profundidade, completan a riqueza do tramo.
Os lugares que pertencen á parroquia de Santo Estevo de Pedre son: Pedre, Serrapio e Vichocuntín.
Os doce canastros da Eira Grande, no lugar de Pedre, onde atópase o cemiterio, a Igrexa Parroquial de Santo Estevo de Pedre s. XVII - XIX, o peto de ánimas na Honra da Virxe do Carme, a Reitoral, e o viacrucis; é boa mostra do patrimonio histórico - cultural. Na confluencia do río Lérez co seu tributario o río Quireza, e reconstruída no s. XIV conservando tres arcos e un cruceiro de finais do s. XII, a Ponte Romana de Pedre. Asociase a unha calzada romana empregada coma ruta de peregrinación a Santiago de Compostela.
Unha calzada pétrea une a Ponte Romana de Pedre co veciño Serrapio. A Capela de San Lourenzo no cumio do outeiro agarda impasíbel dende o s. XVIII. De estilo barroco, ó carón da ermida álzase o pombal e restos dun viacrucis.
O fantasmagórico lugar de Vichocuntín resiste no tempo. Obra dos canteiros da zona é a Ponte de Vichocuntín e o peto de ánimas.
Os lugares que pertencen á parroquia de San Tomé de Quireza son: Cuíña, Os Castros, Fondós, Laxoso, Mamoalba, O Outeiro, Piñeiro, Tresaldeas e Vilarchán.
Xosé Sanmartín Sobrino na obra “Un país chamado A Estrada”, escribe sobre a procedencia do topónimo Quireza; do latín “quirites/quiritium” o equivalente a dicir “romano” ou “cidadán”.
Aloxado nun pequeno val de terras agrícolas, o lugar de Os Castros é berce da Igrexa Parroquial de San Tomé de Quireza s. XVII – XIX. Un conxunto de impoñente beleza grazas o cemiterio, o cruceiro das Procesións, a reitoral de oito columnas de cantería sostendo a balconada, e o viacrucis. No templo de estilo barroco – neoclásico é salientábel o retablo do altar maior datado no 1679. A Ponte do Cando e dous muíños na cunca do río Quireza, xunto ó bosque de ribeira, forman un conxunto de sobranceiro interese.
O conxunto da Capela de San Xosé s. XVIII – XIX máis o cruceiro, alzouse no núcleo antigo de Fondós. De estilo barroco, conserva no seu interior a imaxe do San Ramón.
A Capela da Virxe da O, no lugar de Laxoso, alzouse nun outeiro á entrada do núcleo e afastada das vivendas. A contorna é verde, abeirada por unha carballeira e cruceiros.
No lugar de Piñeiro, entre rúas estreitas, atópase a Capela de San Xoán s. XVIII. Xa nas aforas, a Ponte sobre o río Quireza integra unha zona de protección xunto á prados e árbores de ribeira.
O Quinteiro, A Xesteira e Xieiros forman o lugar de Tresaldeas. Na beira do camiño, no alto do núcleo atópase un peto de ánimas na honra da Virxe do Carme.
A Capela de San Bieito ou da Purísima Concepción s. XVIII, un canastro e o cruceiro, álzanse nunha zona coidada acoutada por un muro con cruces de pedra; no lugar de Vilarchán.
Os lugares que pertencen á parroquia de Santa Mariña de Tomonde son: Barbeira, A Devesa, Fraguas, Tomonde e Vilalén.
A Igrexa Parroquial de Santa Mariña de Tomonde, no lugar de Tomonde, con cemiterio, cruceiro e viacrucis no muro que cerca o adro; domina a zona dende o alto da ladeira. O cruceiro con Cristo crucificado e Virxe pregando, illado e abeirado de carballos. A igrexa románica do s. XII conserva unha sinxela inscrición fundacional, en alusión ó ano 1204 e ó fundador Pedro Calvo. Testemuña dunha misión parroquial no lombo do templo, no Monte do Outeiro, un cruceiro sen imaxes domina a paisaxe.
A Capela de San Cibrao, nun alto dominando o núcleo do lugar de Vilalén xunto á cruz e dous canastros, forma un conxunto de interese paisaxístico. Unha peculiar secuencia de canastros acompaña no camiño de acceso. Un peto de ánimas na honra de San Cornello dá a benvida ó lugar. E un muíño no Regueiro do Batán, abeirado de prados é destacábel.