Servizos Sociais

Os Servizos Sociais son o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación. (Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia).

Os Servizos Sociais municipais son o sistema de protección social máis preto da cidadanía e do seu ambiente familiar e social, que teñen como obxectivo principal prestar axudas que favorecen a participación, integración e benestar social das persoas, especialmente daqueles que están ou corren o risco de estar en situación de carencia ou marxinación.

Desde os Servizos Sociais desenvolvemos as seguintes funcións:

1. O estudo e diagnose social da comunidade, que implica a detección e análise de necesidades e demandas, explícitas e implícitas, no seu ámbito de intervención.

2. A elaboración dun plan de intervención comunitario acorde coas necesidades detectadas ou anticipadas na diagnose social.

3. A identificación de grupos de poboación vulnerables e a detección precoz de situacións de risco para o desenvolvemento de actuacións de carácter preventivo e de promoción social.

4. A atención das situación individuais, a información en relación ás demandas presentadas, a diagnose e valoración técnica previa e a consecuente intervención no caso, que incluirá, cando sexa convinte, a derivación cara o recurso idóneo dentro do sistema galego de servizos sociais ou a outros sistemas de benestar ou a asistencia nos trámites necesarios para acceder a outros recursos.

5. A participación na xestión das prestacións económicas e o seguimento dos correspondentes proxectos personalizados de intervención nos termos establecidos na normativa específica en materia de inclusión social.

6. A xestión do servizo de axuda no fogar, así coma a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia, nos termos establecidos na normativa que resulte de aplicación.

7. A información, orientación e asesoramento a toda a poboación, facilitando o acceso aos recursos sociais.

8. O fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidaridade e a cooperación social organizada.

Os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Cerdedo, como parte do Sistema Galego de Servizos Sociais, fundaméntase nos seguintes principios:

• Universalidade.
• Prevención.
• Responsabilidade pública.
• Igualdade.
• Equidade e equilibrio territorial.
• Solidariedade.
• Acción integral e personalizada.
• Autonomía persoa e vida independente.
• Participación.
• Integración e normalización.
• Globalidade.
• Descentralización e proximidade.
• Coordinación.
• Economía, eficacia e eficiencia.
• Planificación.
• Avaliación e calidade.