Saúdo do Alcalde

 

fotoalcalde

Benvidos a este espazo web. Quixera comezar saudando a todos os veciños do concello de Cerdedo e ós centenares de persoas que nos seguen dende calquera outro punto a través da nosa páxina web. A través desta poderedes realizar unha viaxe virtual polas nosas terras situadas no interior da provincia de Pontevedra e no corazón de Galicia.

Dende o concello de Cerdedo queremos adaptarnos ás novas tecnoloxías e converter a administración local en algo próximo, eficaz, rápido, doado de entender e transparente. Esta páxina web será unha fiestra para abrir Cerdedo ao mundo con toda a información sobre o municipio, porque queremos que todo o mundo saiba que CERDEDO, É ARTE, NATUREZA E GASTRONOMÍA.

Cando visites Cerdedo poderás percorrer preto de 80 quilómetros cadrados onde temos 8 parroquias e 52 entes de poboación. Poderás achegarte ao Monte Seixo e gozar dunhas estupendas vistas, acudir ao Val de Quireza, ao complexo romano de San Antón formado por calzada, capela e ponte romana, visitar as rutas de sendeirismo que apenas sufriron a transformación por parte do home e gozar de fervenzas, muíños, pozos, etc.

Pero esta web non queremos que sexa só unha ferramenta para o visitante de Cerdedo, senón que ademais póidanse realizar diversos trámites administrativos para así facilitar a vida ao cidadán. Trámites como solicitudes, licenzas, subvencións, etc., son realidade grazas a esta páxina web. Dende esta nova ferramenta os veciños poderedes facer chegar as propostas e ideas para que Cerdedo siga á cabeza dos municipios de Galicia en prestación de servizos aos veciños porque este é un proxecto de todos.

Para despedirme agradecer a todos os cerdedenses a oportunidade mostrada para que este Alcalde e Equipo de Goberno xestionen e traballen día a día por Cerdedo para lograr novos investimentos encamiñados a mellorar a calidade de vida tanto dos veciños, como dos que nos visitan.