Programas Básicos

a. Programa de Orientación, Asesoramento e Información

Ofrecemos información, orientación e asesoramento sobre os dereitos e recursos sociais, realizando o estudo, avaliación e diagnóstico das demandas recibidas, así como a súa derivación cara os servizos sociais especializados.

b. Programa de Axuda no Fogar

Para aquelas situacións nas que as persoas teñan limitada a súa autonomía ou en casos de desestructuración familiar, o programa de axuda no fogar oferta un conxunto de atencións as persoas no seu domicilio para realizar as actividades básicas da vida diaria, e cumprir coas necesidades de carácter doméstico e da vivenda e de carácter psicosocial e educativo.

Existen dúas formas de acceso:

• Servizo de Axuda no Fogar a persoas dependentes en situación de dependencia valorada: tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigna a axuda no fogar na correspondente resolución de Programa Individual de Atención (PIA).

• Servizo municipal de Axuda no Fogar, de acceso por libre concorrencia: para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non lles asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia.

c. Programa de Inserción Social

Traballamos a prevención de situacións de marxinación e as súas causas, favorecendo a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.

O noso obxectivo é facilitar o acceso, permanencia e utilización de recursos normalizados, específicos e de prestacións económicas e sociais, favorecendo ademais a promoción e a participación social.

d. Programa de Animación, Prevención e Cooperación Social

Co obxectivo de favorecer o desenvolvemento da comunidade na que vivimos, poñemos en marcha accións que fomenten a participación, o ocio e o tempo libre, a sensibilización, o fomento do asociacionismo, o apoio á iniciativa social, o voluntariado e a solidariedade.